galego español english français
| | | | |

 
15.724
(Xerais 2012)   
Cun enorme poder metafórico, 15.724 trasládanos a unha Patria «asentada no lombo dunha ave durmida» que está presidida pola figura do Gran Mariscal e ten como símbolo intocable o armadillo da súa bandeira. A través dunha narrativa distanciada que nos amosa unha xeografía dominada polas Leis do Libro dos Protocolos, o código que «ditaba as pautas, contaba e clasificaba o tempo, sinalaba a velocidade, deseñaba metas e marcaba obxectivos», imos coñecendo esa Patria, na que se desencadea a traxedia de toda unha familia. En Vila Estrelecida, Mamá Monte coida dos seus netos Samuel R., Nube e Gordo. A partir da morte de Nube, o seu xemelgo, Gordo, cae nun estado de aletargamento que cambiará o destino da súa vida e obrigará a Samuel R. a afrontar unhas circunstancias terriblemente difíciles. E mentres Leo K. vai publicando na Gaceta do Val unha serie de artigos de opinión que marcan as pautas da boa ética dos habitantes da Patria, Gordo convértese no centro de atención de todas as olladas. Que pode facer Samuel R. para deter o reloxo e axudar o seu irmán?
 
 
Shakespeare destilado
(Galaxia 2008)  Comezar a lectura en Google Books

Un home bébedo conta a historia dun amigo, Willy, que vive pechado nun piso de onde nunca sae. Alí constrúe, casa a casa e rúa a rúa, a maqueta dunha cidade. Un mundo que vai cobrar vida ata se impoñer á realidade. A novela é unha metáfora burlesca da literatura concibida como un monólogo -con ritmo e humor- no que os sonetos de Shakespeare e os gin tonics van mesturándose nunha cocteleira que se axita na procura de diversión e liberdade literaria.

Galardoada co Premio M. García Barros no ano 2008 (ver máis)

 

 
Libro das alquimias
(Galaxia 2007) Comezar a lectura en Google Books
Un rapaz que está a descubrir o mundo encontra de pronto, no local da antiga mercería que había no baixo da súa casa, a presenza dun vello e misterioso bibliotecario que sen que el se decate, e coa axuda dun pequeno libro de pastas vermellas e follas amareladas polo paso do tempo, vai cambiar a súa vida para sempre, porque da súa man e tamén da man dos libros que amorean sen orde nin concerto vai viaxar, nada máis e nada menos, que á creación e posterior destrución da Biblioteca de Alexandría.
Alí vai coñecer a Hypatia, a súa derradeira directora, morta sen piedade en mans dos monxes paraboláns que actuaban baixo as ordes de Cirilo de Alexandría dentro da onda de represión que acompañou a extensión do cristianismo.
O neno do principio vai medrando e acaba por ser un recoñecido escritor que entrega a súa vida á permanente procura dese vello a quen tanto debe.
 

 

 

 

 

 

As humanas proporcións
(Galaxia 2004)  Comezar a lectura en Google Books
As humanas proporcións configura unha proposta literaria que trata de sorprender o lector ao desmontar convencións e tópicos mediante un estilo directo e orixinal.
Os relatos d 'As humanas proporcións están escritos con técnicas diversas, que configuran unha proposta literaria cunha linguaxe, en palabras da crítica, arriscada e efectiva. O libro descobre unha dimensión nova do mundo cotián percorrendo todas as facetas da vida humana: o nacemento e a vellez, o corpo vivo cambiante, e tamén a desesperación e a morte, o poder e a procura da liberdade, a violencia individual e a social, o amor e a parella.
"As lembranzas todas"
"Non escoites a Giovanna"
"Celia e o príncipe"
"Onde estás, meu amor, Sangare?"
"Lily"
"Algarismos"
"Burbulla"
"Geographos"
"A sementadora de estrelas"
"Son unha raia"
"Tiñádelo que ver"
"Na fraga"
Galardoada co Premio Torrente Ballester no ano 2003 e co Premio da Crítica da Asociación Española de Críticos Literarios no 2004 (ver máis)