Biografía literaria (Galego)

XESÚS CONSTELA, nado en Ferrol en 1963 aínda que residente en Poio (Pontevedra), entrou no mundo da literatura da man do libro de relatos As humanas proporcións, obra galardoada cos premios Torrente Ballester e da Crítica Española en 2003.

Colaborador do suplemento Nordesía do Diario de Ferrol entre os anos 2004 e 2009, publicou en 2007 a novela Libro das alquimias e en 2008 Shakespeare destilado, que resultou gañadora do Premio García Barros.

Neste mesmo ano, e baixo o título de Como se fixo o primeiro alfabeto, publicou a tradución e adaptación de dous contos de Rudyard Kipling.

En 2012 viu a luz a novela 15.724, en 2015 Apoteose das perchas, e en 2016 publicou A rotura das paisaxes.

Participou tamén como autor en varias obras colectivas: Pontevedra laranxeiras e limoeiros, editada en 2015 polo Concello de Pontevedra, e Plug & Play. Antoloxía galega de ciencia ficción erótica, publicada en 2017, ano en que tamén colaborou no volume das Xornadas Romasanta da Fundación Vicente Risco Contos do Sacaúntos, Romasanta o reo co relato “Lino na néboa”.

No ano 2018 publicou a novela Lisa deitada e o relato “Algunhas aproximacións á hipnose no caso Romasanta”, escrito conxuntamente cos escritores Mariña Pérez Rei e Antonio Manuel Fraga para o volume das Xornadas Romasanta Contos do Sacaúntos, Romasanta e as mulleres.

En 2021 publicou a novela O peso do cerebro.